Lingua galega

O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.

O galego moderno forma parte do grupo de linguas ibero-occidentais, unha familia de linguas románicas que inclúen o portugués, e que se desenvolveu dende o latín vulgar falado na provincia de Gallaecia, e evolucionou ao que os lingüistas chaman galaico-portugués, falado no Reino de Galicia. As diverxencias dialectais son observables entre as formas do norte e do sur do galaico-portugués en textos do século XIII, mais as dúas variedades eran semellantes abondo para manter un alto grao de unidade até mediados do século XIV, coa literatura galego-portuguesa medieval. A diverxencia continuou até o presente, producindo as modernas linguas galega e portuguesa.

O léxico do galego é predominantemente de orixe latina, malia que tamén contén certo número de palabras de orixe celta e xermánica, entre outros substratos e adstratos. Tamén incorporou certo número de palabras do árabe de Al-Andalus, principalmente a través do castelán.

A Real Academia Galega é consonte a Lei de Normalización Lingüística vixente, a entidade competente para a fixación das normas da lingua galega, non obstante as actuais normas elaboráronse na súa orixe conxuntamente co Instituto da Lingua Galega, teñen tamén un papel destacado o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e o Consello da Cultura Galega.

Destinos