Cabalo de Przewalski

O cabalo de Przewalski (Equus ferus przewalskii), tamén coñecido como cabalo salvaxe mongol (en mongol takhi), é unha rara e ameazada subespecie de cabalo salvaxe (Equus ferus) nativo das estepas de Asia central, especificamente de Mongolia. Chegou a considerarse extinto en liberdade (en Mongolia, o derradeiro cabalo de Przewalski fora visto en 1966), pero foi reintroducido satisfactoriamente no seu hábitat de Mongolia no Parque Nacional Khustain Nuruu, e nas Reservas da Naturezas Takhin Tal e Khomiin Tal. A súa clasificación está aínda en debate, e algúns taxonomistas considérano como unha especie de seu, Equus przewalskii.

Os nomes comúns deste equino son cabalo salvaxe asiático, cabalo salvaxe de Przewalski, cabalo salvaxe mongol e tahki. Outros nomes históricos pero obsoletos son tarpán verdadeiro e tarpán mongol. O cabalo leva o nome do xeógrafo e explorador ruso Nikolai Przhevalsky.

Moitos dos considerados cabalos "salvaxes", como o Mustang americano ou o Brumby australiano, son en realidade cabalos silvestres que descenden de animais domesticados que se adaptaron a vivir en liberdade. Pola contra, o cabalo de Przewalski xamais foi domesticado e é o único cabalo salvaxe hoxe en día. É unha das tres subespecies coñecidas de Equus ferus, sendo as outras dúas o cabalo doméstico, Equus caballus e o extinto tarpán (Equus ferus ferus). O cabalo de Przewalski está considerado como o parente máis achegado que aínda existe do cabalo doméstico. Tamén hai outros equinos salvaxes como as tres especies de cebra, varias subespecies de asno salvaxe africano, o onagro e o kiang.

Destinos