Mate (infusión) ( Mate )

  • Este artigo trata sobre a bebida, para a planta véxase o artigo herba mate.

O mate é unha infusión tradicional na metade sur de Suramérica (Arxentina, Uruguai, Brasil, Chile, Paraguai e Bolivia) feita con follas de herba mate. Ten un sabor amargo polos taninos das follas, polo cal algunha xente bótalle azucre, mel ou outros edulcorantes.

A herba mate posúe unha pequena cantidade de cafeína, o que fai que esta infusión poida ter un efecto estimulante nos consumidores. Non obstante, as marcas comerciais de mate adoitan engadirlle outras herbas co fin de reducir a acidez da infusión, e algunhas desas herbas teñen un efecto sedante que contrarresta o efecto estimulante da cafeína.

Esta bebida xa era consumida polos guaranís na época precolombiana, e foi adoptada polos colonizadores españois, pasando a formar parte axiña da identidade cultural das futuras sociedades da Arxentina, Uruguai e Paraguai.